09/02/08

UGT apoia a un esquirol condeado por agresión.

O venres 8 de febreiro tiña lugar ás nove e media da mañá nos Xulgados de O Porriño a última vista e toma de declaracións de testemuñas dun xuízo que tivo lugar pola demanda presentada por José Luís Pérez, esquirol e ex delegado da UGT no centro da ITV de O Porriño contra os seus compañeiros en folga, aos que lles reclamaba os cartos que non cobrou porque non se traballou neste centro durante a folga.

A presentación desta demanda por parte do esquirol da UGT ven precedida de dous xuízos. O primeiro foi unha denuncia presentada por un traballador da CIG Metal. E é que durante a exitosa folga da ITV, na que había un seguimento total, no centro de traballo da ITV de O Porriño houbo desde o comezo da folga unha persoa, José Luís Pérez, delegado da UGT, que non participou da folga co resto dos seus compañeiros, senón que acudía todos os días de paro ao centro de traballo para amosar que non traballaba pola presenza dos piquetes, pero ameazou aos seus compañeiros e amosou sempre unha actitude antisindical e que atentaba contra a solidariedade entre os traballadores.

Do que nun comezo foron ameazas, houbo un momento neste conflito no que o ex delegado da UGT decidiu pasar aos feitos, e este esquirol acudiu ás portas do domicilio persoal do compañeiro da CIG Metal para agredilo. Por esta agresión foi condenado por lesións e multado.

Tamén os outros compañeiros da ITV de O Porriño foron ameazados polo esquirol, e estes traballadores tamén detectaron que este delegado da UGT os perseguía até os seus domicilios particulares, polo que tamén presentaron unha denuncia os seus compañeiros de traballo.

E foi despois da presentación destas demandas cando José Luís Pérez decidiu presentar unha denuncia contra tres compañeiros, dous membros do Comité de Empresa e un traballador da ITV de Curro, e o traballador da CIG Metal agredido, por ameazas, insultos e coaccións, así como que reclama a estes compañeiros o diñeiro da nómina que non percibiu durante a folga porque non se traballaba neste centro da ITV.

Apoio da UGT

A sorpresa veu cando durante o xuízo acudiron até o xulgado de O Porriño apoiar ao esquirol e agresor denunciante o secretario comarcal da UGT Vigo, José Antonio Álvarez, acompañado doutros membros da executiva comarcal e varios delegados. Sorprende, polo tanto, o apoio sindical a este esquirol, que non apoiou a folga acordada en asemblea polo conxunto dos traballadores, ademais cando naquela altura era delegado sindical e membro do Comité de Empresa, e incumpría coa súa actitude o seu deber como sindicalista, xa que tentaba boicotear unha folga e non apoiaba aos seus compañeiros. Inexplicábel polo tanto a resposta e apoio sindical de UGT, lexitimando a un esquirol, a un agresor condenado e unha persoa que atentou contra o dereito á folga e contra a propia vida dos seus compañeiros e dun traballador da CIG. De feito, por esta actitude os seus propios compañeiros foron os que o revocaron como delegado sindical.

Na lectura das conclusións finais chamou a atención dos presentes tamén a defensa que o avogado da UGT realizou do dereito do traballo fronte ao dereito á folga, apoiando as teses patronais e contrarios á autoorganización e a defensa dos dereitos dos traballadores.

O xuízo quedou visto para sentenza, e nos próximos días saberemos cal foi a decisión final da xuíza.

Sem comentários: