20/04/09

Obras son amores


Con data 16-3-09 foille entregado á empresa un escrito informando dos resultados da enquisa realizada entre compañeiros da Sede Central, onde se reflicte a existencia, entre os enquisados, de arredor de 30 persoas alérxicas ao po e/ou aos ácaros e unha persoa embarazada para que os responsables nesta materia adoptaran as medidas necesarias para cumprir as Leis relativas á Prevención.

A CIG fixo este traballo que xa debeu ser feito no seu día polo S.P.M.C.A. (Servizo Prevención Mancomunado de Caixas de Aforros), entidade esta, que supostamente é a que vela pola nosa saúde.

É de xustiza tamén recoñecer que Caixanova xa ven aplicando algunha medida de protección nalgún caso concreto o que non a exime dunha acción universal e planificada en materia de protección da saúde do persoal que está actualmente convivindo coas obras, e que convivirá durante tempo de máis.

Tras ter unha xuntanza o pasado 2 de Abril para tratar este tema, acordouse o seguinte protocolo de actuación:

En primeiro lugar será a identificación das persoas “sensibles a riscos”, que neste caso son compañeiros/as con alerxias ao po e/ou ácaros e compañeiras embarazadas. Como sabedes, dado o anonimato da enquisa, descoñecemos a súa identidade.

A este fin colgarase no Portal do Empregado unha nova facendo referencia ao asunto onde teredes un documento, semellante ao que axuntamos a este comunicado, dando a vosa autorización á Mutua para que poña en coñecemento do dpto. de RR.HH. que persoas sodes “sensibles a riscos”, e deste xeito teros en consideración ao longo das obras tomando as medidas necesarias para minimizar os efectos sobre a vosa saúde. Esta autorización é necesaria xa que, por Lei, a información médica relativa a Vixilancia da Saúde, está suxeita a protocolos de confidencialidade e seguridade de datos.

Haberá ademais que aportar un certificado médico da vosa alerxia ou embarazo ao documento de autorización.

Tamén queremos reflectir que, os responsables nesta materia do Dpto. de RR.HH., amosaron interese e preocupación neste asunto tras a enquisa. Esperamos que “A CAIXA DE TODOS E CADA UN” non sexa só para a GALERÍA. ¿Ou tamén a crise témola que pagar ca nosa Saúde?

Dende a CIG, pedímoslle ós responsables en Prevención un maior esforzo para dar información das obras aos traballadores, e mais sabendo, sen dúbida algunha, que o R.D. 1627/1997 sobre a “Avaliación e prevención dos riscos nas obras en construción” nos seus Artigos 15.1 e 15.2 di como debe ser a información dada aos traballadores, comprensible, continua e notificando as medidas que se adoptarán no referido a seguridade e saúde.

Sem comentários: