14/05/09

O 17 de maio todos/as a Santiago


“Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte”
“Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”

CASTELAO “Sempre en Galiza”

Xa as ordenanzas do gremio dos cambiadores, os banqueiros da idade media, datadas no ano 1490, foron escritas en galego e regulaban o uso do galego na relación coa clientela.

Cincocentos anos despois o galego sobreviviu a imposicións e prohibicións, e sigue estando presente na nosa vida como pobo e tamén no noso sector na relación comercial coa clientela, e entre os traballadores e traballadoras.

Pero é certo que perdemos un dereito que tiñamos os galegos e galegas na época dos cambiadores hai máis de 500 anos, hoxe non é posible manter unha relación interna coas empresas na nosa lingua. As normas non están en galego, os cursos de formación non son en galego, as instrucións que recibimos non están en galego e en moitos casos falar galego “no ayuda en la carrera profesional”.

Pero o que sucede no sector financeiro non é un caso illado; só hai que coller un xornal, acender a televisión, escoitar a radio, ir ao cine ou ter un xuízo para ver que o galego, malia ser o idioma maioritario en Galiza, está infra-representado en amplos ámbitos da nosa vida cotián.

Con todo, o idioma que nos une está sendo vítima dun ataque descarnado, centrando un debate político ficticio por intereses electoralistas, tratando de convertelo nunha fonte de confrontación.

É por iso que este 17 de maio, Día das letras galegas, é un día festivo, pero tamén de compromiso.

O 17 de maioManifestación nacional en prol da nosa lingua
Ás 12 horas na Alameda de Compostela

Sem comentários: