30/06/09

Asemblea Xeral Caixanova: A Dirección non clarexa o futuro


O pasado xoves 25 de xuño celebrouse a Asemblea Xeral 2009 de Caixanova, o máximo órgano de goberno da Entidade no que está presente unha representación do persoal.


Nas pasadas eleccións para este órgano de goberno CIG e UXT presentamos unha candidatura conxunta, polo que antes da Asemblea Xeral pactamos manter unha posición común ante a aprobación das contas e a xestión correspondente ao exercicio 2008. Deste xeito non demos o noso voto favorable a estes puntos, optando pola abstención.

Por outra parte a Conselleira Xeral da CIG, María Teresa Sampedro (Teté), formulou previamente unha pregunta á Dirección da Empresa, que transcribimos a continuación:

O sistema financeiro está vivindo situación de continua incerteza en canto a solidez de bancos e caixas: declaracións do gobernador do Banco de España, da Ministra de Economía, etc. non sempre coincidentes e que producen inquedanza na poboación. Recentemente a axencia Moody´s rebaixou a calificación da fortaleza financeira de 30 entidades, entre estas figura Caixanova.

Malia que isto non represente necesariamente un perigo serio de solvencia, as recomendacións xerais das autoridades monetarias promoven, mais que recorrer ao financiamento do FROB, á fusión ou absorción con entidades sólidas. En base a isto ¿convén a Caixanova a fusión con outra Caixa?

Dado que se non é agora podería xurdir a necesidade mais adiante, ¿aceptaría o Consello de Administración unha fusión que con levara á desaparición da sede e dos servizos centrais de Vigo ou mesmo de Galiza?.


A contestación por parte da empresa foi a que todos e todas coñecedes a través dos medios de comunicación, desbotaron unha posible fusión a nivel galego, sen posicionarse claramente sobre unha fusión cunha Caixa doutro territorio.

Neste senso e dado o escenario aberto polo goberno central coa aprobación do Real Decreto-lei 9/2009, sobre reestructuración bancaria, dende a CIG queremos deixar clara a nosa firme oposición a calquera fusión que leve a perda do carácter galego de Caixanova, a deslocalización da Sede Central e dos Servizos Centrais fora de Vigo ou fora de Galiza.

Sem comentários: