11/06/09

Xubilacións a tempo parcial

Moitos compañeiros e compañeiras, nomeadamente os que cumpren 60 anos no 2010, agardan a decisión da empresa sobre a continuidade ou non das xubilacións a tempo parcial. Foron moi numerosas as consultas recibidas, polo que convén aclarar a situación actual.

No ano 2006 o Goberno, a patronal, CCOO e UGT asinaron o denominado “Acordo de medidas en materia de Seguridade Social”, que entre outras cuestións endurecía os requisitos das xubilacións anticipadas parciais.

Abríase unha excepción ata o 31/12/2009 para aquelas empresas ou sectores nos casos nos que houbera un acordo previo. Motivo polo que, daquela, instamos á Caixa a chegar a un acordo que permitira aos compañeiros e compañeiras xubilarse parcialmente. Así se fixo, poñendo en marcha un plan que remata este ano.

Cara ao 2010 ábrese unha situación nova, remata a excepción e, froito do acordo estatal, endurécense os requirimentos, esixindo a Seguridade Social as seguintes condicións:
Idade xubilación: aos 60 anos e 4 meses.

Xubilación: polo 80% da xornada (20% de tempo traballo).
Anos cotizados mínimos: 24 (sen computar as cotizacións pola parte proporcional das pagas extras).
Antigüidade na empresa: mínimo 4 anos.

A única excepción sería para o persoal cunha antigüidade mínima na empresa de 6 anos e 30 de cotización, sempre e cando o relevista sexa contratado a xornada completa e cun contrato indefinido. En definitiva, é posible manter as xubilacións parciais coas actuais condicións (60 anos e xubilarse polo 85% da xornada) sempre é cando se cumpran estes requisitos.

Seguimos pensando que as xubilacións parciais teñen unha tripla vantaxe, os compañeiros e compañeiras poden acceder a súa merecida xubilación, renóvase o cadro de persoal e permite a regularización dos contratos temporais.

Agardamos, polo tanto, que os anunciados recortes non cheguen ás xubilacións parciais e que a empresa manteña aberta esta posibilidade ata 2012.

Sem comentários: