05/02/10

Galiza ten dereito


Estamos asistindo a un proceso de reordenación bancaria, impulsado poloBanco de España e o goberno central, que conleva o risco de que Galicia perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financieras privadas.

Frente a este risco, as institucións galegas de autogoberno reaxiron. O
Parlamento galego adoptou por unanimidade o acordo de establecer como prioridade o mantemento da galeguidade das caixas, a súa solvencia, e a necesidade de tramitar por urxencia a reforma da Lei galega de Caixas.

O Parlamento de Galicia aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que democratiza estas institucións, fai a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financiero propio e supervisar a actuación das caixas, e que garante que estas entidades sexan efectivamente alavancas de desenvolvimento da economía produtiva do País.

A resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galicia que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idonea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.
Sen a fusión das dúas caixas galegas, Galicia ficaría sen sistema financiero propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico.

Conscientes da gravedade da situación, manifestamos:

1.- Galicia ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo
do País,
regulado polo seu Parlamento, como expresión do autogoberno. É vital, por tanto, preservar a Lei de Caixas de Galicia.

2.- Galicia ten dereito a que o Estado respecte o autogoberno galego. Que non nos dean tratamento de autonomía de segunda, cuestionando a constitucionalidade da lei galega, si non se fixo coaa basca, a catalá ou a andaluza. Por que se recurre a nosa e non a deses outros territorios? O Goberno central debe reconsiderar o asunto e aceptar que as institucións galegas de autogoberno, dentro do marco competencial vixente, teñen capacidade para dotarnos do marco xurídico que se considere máis acaido para defender os intereses de todas as galegas e galegos, como ordena o Estatuto de Autonomía de Galicia.

3.- Galicia ten dereito a propiciar a fusión das súas caixas. O goberno central tamén debe aceptar que as institucións galegas teñen tanto dereito como as de calquera outra Comunidade Autónoma para impulsar unha fusión dentro do país, cando se cumpren as mesmas condicións. Galicia ten dereito a preservar e garantir a galeguidade das caixas galegas coa súa fusión. Unha fusión paritaria, da que xurda unha Caixa solvente como mellor garantia para os seus traballadores, os impositores e todas e todos os galegos.

Está en xogo boa parte do noso futuro, a dignidade do noso autogoberno e perto de 80.000 millóns de euros en activos, isto é, a maior parte do aforro das galegas e dos galegos. Está en xogo que ese aforro se invista aquí ou se desvíe cara a financiar o desenvolvimento doutros territorios.

Galicia debe defender o seu. Ten dereito.

Sem comentários: