14/01/08

Posición da CIG ante as 5 medidas anunciadas pola Caixa

O pasado 7 de xaneiro RRHH presentou a representación sindical un paquete de medidas unilaterais que ese mesmo día foron comunicadas ao resto do cadro de persoal. Xa na propia reunión anunciamos que este tipo de medidas deberían ser froito dunha negociación mais ampla.

Prestamos: Na maior parte das empresas do sector hai abertas negociacións de mellora e adaptación do Convenio Colectivo. Non é de recibo que Caixanova pretenda parchear o anticuado Pacto Laboral da Fusión aplicando parcialmente o Convenio. Entendemos que é precisa unha negociación de melloras extra-convenio.

Póliza atracos: O atraco é un risco laboral como recoñeceu a administración pública galega e diversas sentencias. Como tal risco debemos abordar medidas preventivas e de apoio ás vítimas de atracos, máximo tendo en conta o alto número de atracos nas oficinas de Caixanova. Temos un gran número de oficinas, pero este dato por si só non explica o alto índice de atracos. As medidas de seguridade deben ser melloradas sen agardar a que teñamos unha desgraza persoal .

Xubilacións Anticipadas: Por cada xubilación a tempo parcial con contrato de relevo a empresa ten un aforro que estimamos en torno aos 9.000 euros por xubilado ao ano. É posible poñer en marcha un sistemas para adiantar a idade de xubilación aos 58-59 anos sen que teña un gran custe para a Caixa. Tamén habería que analizar a necesidade de persoal evitando amortizar postos de traballo en Galiza.

Premios: Todo o cadro de persoal de Caixanova realiza un gran esforzo, a mellor recompensa sería un sistema que premie o esforzo de todos e todas. Neste senso como dixemos anteriormente apostamos por un acordo de melloras extra convenio.

Sistema de retribución flexible: Entendemos que a modificación do actual sistema de pago dos salarios debe ser pactada coa representación sindical, non caben medidas unilaterais. Moito mais si temos en conta que o actual Convenio non contempla esta posibilidade.

En definitiva non se trata de “parchear” o anticuado Pacto Laboral, nin de acometer actuacións incompletas, para a CIG é preciso abrir unha mesa de negociación de melloras extra-convenio onde abordemos estas e outras cuestións en profundidade.

1 comentário:

Anónimo disse...

Sodes os únicos que falachedes do intento de prolongación horario e polo de agora os únicos con posición sindical ante as "melloras" implantadas pola empresa.

Semella que quitachedes un morto de enriba e por fin temos a CIG na empresa, noraboa.