28/04/08

Posta en marcha do Plan de Igualdade

Fai tempo que vimos demandando publicamente a negociación dun Plan de Igualdade en Caixanova. A lei establece a obriga de establecer Plans de Igualdade en todas as empresas con mais de 250 traballadoras e traballadores.

O estudo que realizamos para o día 8 de marzo sobre o cadro de persoal de Caixanova e a presenza das mulleres en cada un dos niveis salariais establecidos no Convenio puxo en evidencia a necesidade de abordar esta negociación.

Lembrar que só un 8,70% das persoas con nivel I son mulleres, pola contra no nivel XII as mulleres representan o 62,22% do total. Desta situación extraese que hai diferenzas retributivas entre home e mulleres, agravadas polos complementos de posto de traballo. Podes consultar o estudo aquí.

Finalmente a Dirección comunicounos que encargou a unha empresa externa a realización da diagnose previa que debe analizar a situación da muller en Caixanova, fase previa para a posta en marcha de calquera Plan de Igualdade.

Semella positivo que por fin a Caixa comece a dar os pasos para dar cumprimento a Lei de Igualdade, pero que non conte coa representación legal para a elaboración da diagnose é negativo e da que pensar. Si alguén coñece a realidade de Caixanova somos nos, non unha empresa externa pagada pola Dirección.

Moito nos tememos que Caixanova só pretenda cubrir unha obriga legal a vez que pretende obter a certificación de empresa que respecta a igualdade para poder acceder as numerosas subvencións públicas e rebaixas nas cotizacións a Seguridade Social que tal declaración outorgaría.

Neste senso estaremos atentas, non permitiremos un baleirado da Lei como xa aconteceu noutras empresas do sector financeiro nas que se estableceron “Plans de Igualdade” sen abordar as diferenzas retributivas.

Para a CIG o Plan de Igualdade de Caixanova debe abordar medidas que garantan os mesmos salarios para homes e mulleres e a mesma posibilidade de carreira profesional sen diferenzas de xénero. Ese é o noso obxectivo.

Sem comentários: