01/09/08

Horarios nas Caixas, comeza o baile


O pasado 24 de xuño CCOO e CSICA asinaban un acordo con Caja Madrid que inclúe, por primeira vez, horarios comerciais con xornada partida de luns a venres e a apertura dos sábados pola mañá. É certo que o plan é moi reducido (40 oficinas situadas en Centros Comerciais), pero trátase dun plan piloto que pode abrir unha guerra comercial de horarios e recupera os sábados como laborais.

No acordo asinado por CCOO e CSICA contémplanse dous horarios singulares:

Modelo 1: Cunha con xornada partida de luns a venres, agás no mes de agosto.

Modelo 2: Cunha xornada partida de luns a venres, e apertura dos sábados pola mañá todo o ano.

O acordo establece un horario flexible para director/a, subdirector/a e os/as “comerciais”; a cambio percibirán unha compensación económica.

Haberá quen defenda que non ten sentido abrir oficinas ás 8 da mañá cando o centro comercial está pechado, que se trata dunha mera adaptación dos horarios de caixa destas oficinas aos dos centros comerciais onde están instaladas.

O problema é que para as empresas a desregulación horaria xustifícase precisamente con ese argumento: trátase de adaptar os horarios de caixa aos horarios comerciais.

Para a CIG, o de Caja Madrid é o primeiro acordo no sector ao abeiro do novo Convenio Colectivo, estamos ante o que consideramos un plan piloto que será seguido de cerca por outras Caixas e que senta un precedente que pode ser ampliado en calquera momento. E o que é máis grave, recupera incluso os sábados como día laboral nas Caixas de Aforros, co visto bo de CCOO e CSICA, un mal comezo.

Quen ata hai dous días se presentaban como abandeirados dos sábados libres e da libranza dos xoves polo serán, son finalmente os ampliadores da xornada laboral no sector das Caixas de Aforros.

Sem comentários: