02/09/09

A prensa valenciana fala da absorción de Caixanova por Bancaja


A aprobación do FROB por parte do goberno central, unha decisión política que criticamos publicamente, abriu un escenario de fusións e absorcións no sector das Caixas de Aforros que marcará este novo curso sindical e laboral.

O decreto da poder ao Banco de España e este organismo xa condicionou, con carácter xeral, a aprobación das fusións a que a entidade resultante teña mais de 50.000 millóns de euros en activos.

Será polo tanto o Banco de España quen decida si as entidades con activos inferiores a esa cifra poden continuar en solitario, incluída Caixanova. Pero todo indica que moitas destas entidades veranse obrigadas a ser fusionadas e absorbidas.

Ante esta situación a maior parte das Comunidades Autónomas barallan escenarios de fusións para evitar que as entidades baixo o seu control sexan absorbidas e desaparezan, todo o mundo é consciente das repercusións económicas, sociais e laborais da desaparición das caixas de aforros nos seus respectivos territorios.

Caixanova non está a marxe do debate das fusións, neste senso no último mes a prensa da zona de levante fíxose eco da aposta do Partido Popular valenciano por unha fusión da CAM coa Caja balear SA Nostra (para poñela a resgardo das ambicións de Caja Madrid) e da fusión de Bancaja e Caixanova, sobre a que din que hai informes favorables.

Insistimos que as fusións interterritorios teñen graves consecuencias económicas, sociais e laborais como xa explicamos tamén en anteriores comunicados. Neste senso unha posible absorción de Caixanova por Bancaja tería graves repercusións para Galiza.

Dende o punto de vista laboral e mais ala dunha hipotética saída “branda” pola que habería que loitar sindicalmente (prexubilacións e garantía das condicións laborais), o impacto sobre o emprego directo (rede de oficinas, Servizos Centrais, Obra Social e empresas auxiliares) e o impacto sobre o emprego indirecto sería innegable.

Dende a CIG queremos insistir na nosa oposición clara e sen ambiguïdades ante calquera fusión que leva a desparación das Caixas de Aforros Galegas e polo tanto a posible absorción de Caixanova por Bancaja.

Agardamos tamén que o goberno galego (que semella sorprendido e perdido sen alternativas claras antes esta situación) tome xa as medidas ao seu alcance (recorrer legalmente o decreto de creación do FROB e que proceda a aprobación urxente dunha nova lei de Caixas) para garantir o futuro das nosas Caixas.

Sem comentários: