11/09/09

O parlamento galego dá un paso na defensa das Caixas


O Parlamento Galego aprobou unha Proposición non de Lei presentada polo BNG para que a Xunta de Galicia proceda a recorrer o Real Decreto 9/2009 do Goberno Central sobre reestruturación bancaria, por invadir as competencias exclusivas establecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia sobre as Caixas de Aforros. Esta proposición non de Lei foi aprobada no Parlamento Galego co apoio do grupo popular e a abstención do grupo socialista.


Dende a CIG entendemos que a aprobación desta Proposición non de Lei é moi positiva xa que é un paso firme para a defensa irrenunciable do carácter galego de Caixa Galicia e Caixanova fronte a intentos de absorción por parte de Entidades doutras comunidades autónomas.

O Estatuto de Autonomía de Galicia establece as Caixas de Aforros como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, competencia vulnerada polo decreto de creación FROB aprobado no seu día polo Goberno Central e que recibiu o apoio do PP e do PSOE na súa tramitación no Parlamento español.

Sindicalmente dende a CIG mantivemos en solitario unha posición claramente contraria a aprobación do FROB, por varios motivos:

* En primeiro lugar porque o FROB puxo en marcha unha reconversión por decreto con graves repercusións laborais e sen ter en conta aos representantes legais e lexítimos dos traballadores e traballadoras. Unha reconversión que afectará ao 30% dos postos de traballo no sector financeiro.
* Denunciabamos que se trata dunha nacionalización parcial e temporal do sistema financeiro, socializando as perdas en tempos de crise, privatizando posteriormente os beneficios en tempos de bonanza. Unha reconversión cara, cun custe de 2.600 euros por habitante do Estado.
* Por último, o decreto asigna ao Banco de España, organismo responsable do sector financeiro que agora debe ser rescatado, competencias absolutistas en materia de fusións e desguace de Entidades. O organismo presidido polo ultraliberal Fernández Ordóñez poderá incluso liquidar Entidades, traspasando depósitos e activos a outras Entidades ou ao FROB, sen que o decreto faga mención ás consecuencias sobre o emprego.

O FROB contempla unha reconversión con inxentes recursos públicos, pero sen tomar medidas concretas para evitar unha nova crise e sen esixir responsabilidades aos actuais xestores.

En todo caso a aprobación da Proposición non de Lei por parte do Parlamento Galego é un dos pasos adiante que viñamos reclamando, pero é precisa a aprobación dunha nova Lei Galega de Caixas de Aforros que blinde a galeguidade de Caixa Galicia e Caixanova e que defina un novo modelo de xestión destas Entidades dende unha óptica de país, máis social e laboralmente sustentable.

Sem comentários: