21/01/10

Solicitamos coñecer a auditoría e un proceso de negociación


Diante da presentación dos resultados da auditoría a Caixa Galicia e Caixanova, presentado esta mañá pola conselleira de Facenda, e á espera de coñecer o contido da mesma, a CIG solicitou a apertura inmediata dun proceso de negociación destinado a minimizar o impacto sobre o emprego que vai supor a fusión das dúas entidades, así como para homologar e garantir as condicións laborais do persoal. Dende a CIG tense denunciado que o persoal das caixas de aforros deberá asumir as consecuencias dunha xestión cuestionábel por parte das direccións, ante as que tamén se esixirán medidas.

Ante o anunciou por parte da Consellería de Facenda do resultado da Auditoría externa sobre a viabilidade da posible fusión de Caixa Galicia e Caixanova, dende a Confederación Intersindical Galega, primeira forza nas caixas galegas, queremos facer unha avaliación de urxencia.

Esta mañá recibimos unha chamada por parte da Consellería anticipando o resultado positivo da Auditoría, sen que, de momento, coñezamos o contido da mesma. En todo caso, é certo e que dende o Goberno galego propúxosenos unha reunión entre ambas partes. Hoxe mesmo témonos dirixido á Consellería co fin de pechar unha data á máxima brevidade posible.

Na presentación aos medios, a Xunta de Galiza informou que a fusión afectaría a 1.296 postos de traballo, en Galiza estes postos de traballo serían amortizados a través dun proceso aberto de prexubilacións entre os anos 2010-2012. Fóra de Galiza haberá prexubilacións e baixas incentivadas (despedimentos pactados). O número de centros de traballo afectados poderían chegar aos 280.

O impacto laboral da fusión está na liña do anticipado pola CIG no informe presentado no mes de outubro, incluso no número de oficinas a pechar por coincidencias (217). Lembrar que a central tamén expuxo que unha fusión ou alianza con caixas de fóra duplicaría o impacto. Así mesmo, pensamos que atinamos na diagnose inicial, pero cremos que o escenario actual non é o mesmo que no mes de outubro.

Ante unha fusión paritaria, galega e que busca a solvencia, a CIG está en disposición de propoñer medidas que permitan diminuír claramente o impacto da destrución de emprego da fusión, polo que se solicita a apertura inmediata dun proceso de negociación que, ademais, debe homologar e garantir as condicións laborais.

A CIG sempre denunciou que o persoal das caixas de aforros deberá asumir as consecuencias dunha xestión cuestionable por parte das direccións ante a que esiximos medidas, pero tamén dunha supervisión incompetente por parte do Banco de España e do ex-Conselleiro José Ramón Fernández Antonio.

1 comentário:

O Galo Kikiriki disse...

¿Como ningún outro sindicato mais se molla en dicir algo? Será que teñen conversas por detrás coa empresa, claro uns son a mesma, outros maioría, e dos outros mellor non falar (pitas, pitas,...)