No mes de marzo, despois dunhas declaracións públicas do Presidente da Entidade, o Director Xeral en reunión coa representación sindical desmentiu o inminente peche de oficinas, indicándonos que as declaracións públicas se referían a outras Entidades do sector de aforro.
O pasado día 15 de maio, tres días despois de que celebrásemos en a Coruña unha manifestación nacional da CIG contra o peche de oficinas no sector financeiro, Caixanova comunicounos o peche de 27 oficinas en Galiza con 83 empregados/as, nun proceso de reconversión máis amplo que afectará inicialmente en total a 52 oficinas e 198 compañeiros e compañeiras.
Hoxe mesmo coñecemos, a través de diferentes medios de comunicación, que Caixanova pretende abrir oficinas de banca privada no resto do Estado, centralizando a banca privada en Madrid. De ser certo, sería inadmisible: pechar oficinas en Galiza, abrir no resto do Estado e deslocalizar parte dos servizos centrais cara a Madrid.
O último informe de Estabilidade financeira feito público polo Banco de España di textualmente: “utilizando a súa ampla rede de sucursais, que permite unha maior proximidade aos clientes, as entidades intensificaron a captación de depósitos”.... “Isto contribuíu a aliviar as necesidades de financiamento das entidades”. Por outra parte, é o mesmo Banco de España o que recomenda recortes na rede comercial.
Galiza é unha zona tradicionalmente captadora (cando máis necesidade hai de liquidez) e cun baixo nivel de morosidade, polo que resulta un contrasentido que pague o persoal de aquí a mala xestión das oficinas de fóra. Neste senso cabe lembrar que Caixanova acudiu aos sistemas de axudas públicas para conseguir liquidez, recibindo 375,90 millóns de euros nas poxas de activos e un aval do Estado para a emisión de 1.000 millóns de euros en débeda. Axudas públicas por valor de 229.000.000.000 das antigas pesetas.
O peche de oficinas afecta á carreira profesional e aos salarios, implica unha maior mobilidade funcional e xeográfica para todo o persoal e tamén destrución de postos de traballo, polo que estamos ante un grave problema laboral.
Neste senso, temos que dicir que a documentación remitida á representación sindical non explica a metodoloxía utilizada para decidir que centros pecharían nin cales continuarán abertos, nun proceso opaco. Tamén descoñecemos se estas son as únicas oficinas que pecharán ao longo deste ano, ou se haberá unha segunda fase. É a información que temos por agora, pero manterémosvos informados.
1 comentário:
Caixanova censura as circulares dos sindicatos.
Caixanova ten comportamentos antisindicais.
Gayoso non lle deas voltas que o ano que ven tes que marchar para casa dunha vez.
Enviar um comentário