As Direccións de ambas Caixas comprometéronse a manter a máxima transparencia e claridade en todo o proceso, pero polo momento a día de hoxe, continuamos sen coñecer nin sequera as previsións coas que traballan. O proceso é opaco, oculto e non hai negociación.
Semella pouco crible que non teñan ningún tipo de previsión sobre o número de persoas “excedentes” (así lles chaman eles), sobre as posibles prexubilacións, ou sobre o número de oficinas e departamentos de Servizos Centrais que pecharán. Se hai previsión e non a contan, malo; se perderon o tempo durante meses repartindo o poder sen deseñar a fusión, peor.
Máis ben parece que queren presentarnos eses datos dentro do plano de viabilidade, unha vez aprobado polo Banco de España e, polo tanto, como indiscutible e sen marxe de negociación. As Direccións queren escudarse no BdE para impoñernos unha negociación á baixa.
Se o BdE será quen decida en última instancia sobre as cuestións laborais e económicas, incluídas as persoas que “sobran” e a partida económica que hai para desfacerse delas, a negociación verase reducida ata a nada.
A propia homologación das condicións laborais veríase condicionada polo recorte de custes que impoña o citado organismo.
Por exemplo, ¿que pasará se os compañeiros/as prexubilables, ante unha oferta miserenta deciden seguir traballando e non se “amortizan” os postos de traballo que queren as Direccións e o BdE?
Resulta sorprendente que no acordo de integración se dupliquen as altas direccións e se dupliquen as Consultoras e asesores de todo tipo, pero se condicione a negociación laboral á aprobación do plano de viabilidade por parte do BdE.
Ante esta situación, a CIG é partidaria de mobilizacións e así llo propuxemos aos outros sindicatos, que contestaron que “non as ven polo momento”, polo que non desbotamos mobilizacións en solitario se as Caixas continúan actuando de xeito opaco, non facilitan información e pretenden negociar escudándose no BdE para recortar postos de traballo e condicións laborais.
2 comentários:
Hai que ver mais alá, e de feito que carallo de mesa negociadora é esa que non vos contan nada. Hoxe sae na prensa a cuantía que van usar para prexubilacións. Negocian coa prensa mais que cos representantes sindicais. Unha vergoña, e nin Deus móvese.
Isto débese sacar nun comunicado xa que os compañeiros non teñen idea do que está a acontecer. Sempre estivemos por diante do resto de sindicatos. ¡MOVILIZACIÓNS XA OSTIA!
Enviar um comentário