04/08/09

Caixanova e as fusións


Ante o debate aberto sobre as posibles fusións e absorcións das Caixas de Aforros Galegas, aberto despois da aprobación do Decreto de creación do FROB, queremos facer pública a nosa posición ao respecto do futuro de Caixanova.

É certo que o debate está centrado hoxe sobre a posible absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid, pero non é menos certo que non é un debate alleo a Caixanova, que xa figura nas quinielas como posible entidade a fusionar por Caixas de Castela-León.

Dende a CIG queremos deixar clara a nosa oposición a calquera movemento político que leve á desaparición das Caixas Galegas, polo impacto sobre o emprego, social, económico e financeiro para Galiza.

Estamos nunha primeira fase do proceso, onde as Comunidades Autónomas están tratando de que as súas Caixas gañen peso (hai fusións en Cataluña, Andalucía ou Castela-León), co fin de que na seguinte fase, a das fusións interterritorios, sexan as que absorban.

Sempre estivemos en contra da fusión de Caixa Galicia e Caixanova; hoxe estamos nun novo escenario polo que estamos analizando polo miúdo a situación.

En todo caso pensamos que de continuar en solitario as Caixas Galegas serán presa fácil, pero unha fusión entre Caixa Galicia e Caixanova tampouco garante a existencia dunha entidade galega cara ao futuro. É preciso unha reforma do marco legal galego, unha Lei de Caixas que garanta o seu futuro e remate coa situación de incerteza actual.

O Goberno galego tratou de pospoñer calquera movemento ata a primavera de 2010, curiosamente coincidindo coa xubilación obrigatoria do actual Presidente de Caixanova. Agardamos que os personalismos non poñan en perigo o futuro de 3.500 postos de traballo en Caixanova.

1 comentário:

can sen dono disse...

O problema é que Julio Gayoso debería terse xubilado xa.

Leva dende o 1965 na Caixa e pensa que é del.

Que marche para casa e si se aburre que vaia mirar obras.